A nosa

Historia

De onde vimos

En Cangas, comeza a xogarse ao balonmán a principios da década dos 60, cun grupo de amigos que tería que desprazarse a Vigo para disputar os primeiros partidos.

O primeiro partido foi en 1961 no colexio Alba de Vigo, onde co nome de LUCEROS, ganaban ao “Alerta” de Vigo por 4-5. Nese mesmo ano, inscríbense por primeira vez como equipo xuvenil supoñendo isto, o inicio do Club oficialmente. O primeiro equipo senior inscríbese en 1968 na liga de terceira Provincial.

Os partidos que o equipo xogou en Cangas ata 1972, disputábaos na Avda. de Vicenti. Alí cortaban o tráfico, pintaban o campo de xogo, traían a ombreiras as porterías e retiraban a man os coches aparcados. Posteriormente, en 1972, xa en primeira provincial, inaugúrase a “pista do aterrado”, situada no centro de Cangas en fronte do mercado que leva o seu mesmo nome.

.

En 1977 comeza a xogar, por fin, na primeira instalación acondicionada adecuadamente para a práctica do balonmán, o pavillón de “Romarigo”. Nese ano o Luceros pasa a pertencer á estructura do Alondras CF., ascendendo a Segunda Nacional en 1980.

Xa como Club Balonmán Cangas desde 1984 e, desde 1990, co apoio incondicional e desinteresado da empresa local Frigoríficos do Morrazo, tras ascender a Primeira Nacional e a División de Honor B, en 1993 comeza a xogar no xa emblemático pavillón Municipal de “O Gatañal”, cun aforo de ata 2500 espectadores. Pouco despois, na tempada posterior ao seu estreo, fíxose realidade o soño incrible de xogar na liga Asobal.

Na máxima categoría

A primeira etapa na máxima categoría non puido ser máis prolífica, manténdose 11 anos consecutivos entre equipos da categoría do Barcelona, Porland San Antonio, Ciudad Real, Ademar, Valladolid e Teka Santander. O público enchía o pavillón, alcumado popularmente neses momentos como “O Fervedoiro” pola presión e o empuje da afección, que animada pola banda de música, facía soar os seus cánticos e os seus berros máis aló das gradas. Non en balde, o seu empuje viuse sempre reflectido nos resultados do equipo xogando como local.

Na tempada na que se consumou o primeiro descenso para o club en toda a súa historia, fixo realidade un dos seus fitos maiores, xogar na liga europea EHF, tras obter a campaña anterior un meritorio oitavo posto. Posteriormente regresou á categoría de prata, onde a volta á Asobal fixose esperar, ata obter un ascenso no 2009 que duraría un ano.

.

Desde o seu segundo descenso, o equipo confeccionou unha plantilla desde a base, usando o potencial da canteira do balonmán galego como punta de lanza. Este proxecto modesto trouxo os seus froitos a partir da tempada 2012/13, na que volverían á máxima categoría. Desde aquela, o crecemento profesional dos xogadores deu lugar a novas alegrías á afección, como o regreso á liga EHF, tras un 5º posto na tempada 2014/15, ou a participación na copa Asobal, tras obter o 3er posto na metade da tempada seguinte.

A nosa casa

O Gatañal

As instalacións do Gatañal foron construídas en 1993, principalmente para a práctica do balonmán. Dende entón leváronse a cabo diversas reformas, como adaptar a pista de xogo a parqué e, posteriormente, a vinilo para adaptarse ás esixencias da RFEM. Conta con capacidade para preto de 2.500 persoas sentadas, contando as normalmente usadas bancadas supletorias. Esta capacidade pode chegar ata as 3000 persoas contando as prazas de pé, usadas con frecuencia nos partidos de ASOBAL. Conta ademais de ximnasio, sala de prensa e as instalacións dos clubs locais.

Actualmente o pavillón e usado para o equipo de ASOBAL Frigoríficos do Morrazo – Balonmán Cangas, sendo a súa afluencia habitual entre 1.500 (en partidos en días laborais) e 2.000 (nos partidos habituais da fin de semana), superándose estas cifras en partidos especiais, como os xogados contra o FC. Barcelona, nas competicións europeas, nos derbis e nas fases de ascenso.

Tamén é usado polo seu filial, o Luceros, as categorías inferiores de ambos equipos e, nalgunha ocasión, para partidos da selección española de balonmán. Fora do balonmán tamén tivo seu uso para outras competicións deportivas, como de baile ou taekwondo.

0
    0
    O teu carriño
    O teu carriño está baleiroVoltar á tenda
    Ir al contenido