A PREVIA
Bm. Logroño La Rioja
Cangas, 27 de outubro de 2022
O sábado é un momento importantísimo para arrincar cunha dinámica positiva. “Estamos doídos, pero non afundidos” e nunha Liga tan igualada, volver puntuar permíteche despegar postos na clasificación. Ciudad de Logroño atravesa polo seu mellor momento da tempada, polo que será un rival moi complicado.
“Doídos, pero nin moito menos afundidos. Estamos moi confiados en recuperar os nosos acenos de identidade para loitar polos dous puntos” esta é a máxima coa que afrontará o equipo de Nacho Moyano unha nova batalla ante Balonmán Ciudad de Logroño, este sábado ás 21:00h no Pavillón de O Gatañal.
O Frigoríficos non pasa polo seu mellor momento tras a derrota en Guadalaxara, onde unha mala segunda parte condenoulles. “Foi un problema actitudinal máis que de xogo, pero a dinámica de adestramentos é moi boa e temos que trasladalo aos partidos”.
Como está o equipo tras as últimas derrotas?
Nacho Moyano: “Fodidos” pero non afundidos, temos moitas ganas de sacudirnos este malestar, a sensación de non responder no noso último partido e sobre todo non estar á altura a nivel de actitude, que é algo non só do equipo, se non algo que vai intrínseco no ADN do Club.
Para iso será imprescindible comezar a puntuar canto antes, este partido é o exemplo, ao final é unha liga moi igualada e unha boa vitoria pode permitirche saír desta situación. Vimos con ganas de puntuar e sobre todo, de non fallarlle á nosa xente.
É o rival idóneo para comezar a boa serie?
Pois nesta forma na que están, quizais non sería o rival que elixiriamos xa que parece está no seu mellor momento desde que arrincou a liga. Teñen a moitos xogadores nun momento de forma tremendo (Mamadou, Prezado, Keita, Markelau…) pero nós non estamos en disposición de elixir e todos os equipos teñen que pasar por O Gatañal. O obxectivo é o mesmo con todos os equipos, que veñan aquí a sufrir se queren puntuar e conseguir volver baixar ao barro, recuperar a nosa identidade e volver sentirnos cómodos no campo, así seguro que chegarán as vitorias.
3 claves sobre o que é o rival?
NM: Creo que é o mellor ataque posicional da liga, soubéronse reinventar, cambiaron esa dependencia do 2 para 2 con Casado e Moreira, construíndo un xogo máis vertical e máis directo. Esta verticalidade faise aínda máis perigosa debido ao gran estado de forma da súa primeira liña. Para terminar, son un equipo que aproveita moi ben os erros do equipo contrario, saben ler moi ben as situacións de xogo (correr para matarche ao contraataque ou en determinados momentos asegurar o balón e explotar o seu ataque posicional).
Que Cangas deberiámonos atopar para levarnos os 2 puntos?
NM: Principalmente pasa por recuperar a nosa esencia, que non é outra que defender, defender e defender. A partir de aí o equipo estará, cómodo nas diferentes fases do partido e así conseguiremos forzar erros no seu ataque posicional. Tamén é vital minimizar as perdas de balóns que outorgan ataques fáciles ao rival e sobre todo, ser efectivos para portería.
Fotografías: Santi Molina

