A CRÓNICA
Frigoríficos Morrazo 28 – Bathco Torrelavega 29
David Moldes
O Frigoríficos encadeou a súa terceira derrota consecutiva #ante o Torrelavega (28-29), que dá un paso de xigante cara á permanencia e asegúrase o “gol-average” particular, grazas ao gol de penalti de Alonso Moreno co tempo cumprido.
O equipo galego abriu o partido con ritmo (3-1, min 5) pero as paradas de Elcio -4 nos primeiros 11 minutos- e as accións en seis metros de Jaime Gallego frearon o ímpeto cangués. O internacional Jaime Gallego, imparable para a defensa rival, forzou varios sete metros, clave para que o Torrelavega remontase (4-5, min 11; 5-6 min. 14).
O partido foise igualando, con notable acerto dos porteiros Elcio Carvalho e Javi Díaz. Subiu a intensidade o Frigoríficos (12-9, min. 26). Alex Mozas pediu tempo morto: en apenas un minuto un gol de Porras e un contragolpe de Colunga volveron apertar o marcador (12-11, min 27), aínda que o conxunto galego recuperou o control con dous tantos seguidos de Gayo (14-11, min. 29).
O Frigoríficos mantivo o dominio durante o inicio da segunda parte, sostido polos goles de Gayo e Santi López, con vantaxes cómodas (16-13, 18-14).
Chegou entón o punto de inflexión tras un tempo morto de Alex Mozas (19-15, min. 35). Desde ese momento, liderado en ataque por Isidoro Martínez, o Torrelavega marcou un parcial 0-5 (19-20, min. 41). O Frigoríficos estrelouse contra Elcio: sete minutos sen marcar, ata que un gol de rebote de Dani Fernández desde sete metros abriu un longo período de igualdade (22-22, 24-24), equilibrio que rompeu David Iglesias con dous goles (26-24, min. 53).
Con todo, non aproveitou o equipo local ese momento, que coincidiu, ademais, coa lesión do porteiro Elcio e unha exclusión de Alonso Moreno. O Frigoríficos cometeu varios erros -unha parada de Murillo a tiro cómodo de Jenilson e unha perda de Santi López-, malgastou a superioridade cun parcial 0-2 e deu vida ao rival.
O Torrelavega mostrou máis oficio en ataque, con longas circulacións ata atopar o momento oportuno de lanzamento. Remontou e cun un gol de Prieto (27-28) plantouse no último minuto cun gol de vantaxe. Empatou Santi López.
Alex Mozas preparou nun tempo morto a última xogada do partido. Con vinte segundos, o Frigoríficos afogou ao Torrelavega, incapaz de lanzar, pero, despois de que os colexiados sinalasen un golpe franco esquinado a catro segundos do final, Jenilson Monteiro cometeu o inocente erro de sacarlle a pelota da man a un rival, acción que os árbitros castigaron con tarxeta vermella e sete metros. Alonso Moreno aproveitou o agasallo para certificar cun gol de penalti a vitoria do Torrevieja (28-29), un paso de xigante cara á permanencia en Asobal
Ficha técnica:
28 Frigoríficos do Morrazo: Javi Díaz, Dani Fernández (4,3 p), David Iglesias (5), Alberto Martín (2), Santi López (6), Gayo (7) e Monteiro (1) -equipo titular- Forns ( ps), Rubén Soliño (2), Quintas, Simes, Asensio (1), Brais González, Menduiña e Aizen.
29 Bathco BM Torrelavega: Elcio Carvalho, Jorge Prieto (4), Fabri Casanova (2), Isidoro Martínez (6), Alonso Moreno (6), Jaime Gallego (1) e Martí Lloria -equipo titular- Murillo ( ps), Gonzalo Porras (2), Borja Lombilla, Leo Rénaud-David (3), Dani Serrano (1), Facundo Cangiani (2), Dusan Trifkovic e Lyksbo (2).
Marcador cada cinco minutos: 3-1, 3-4, 5-6, 8-7, 11-9, 14-12 (descanso); 19-16, 19-19, 21-21, 24-24, 26-25 e 28-29.
ROLDAS DE PRENSA
AS IMAXES DO PARTIDO
Fotografías de Raúl Fonseca























