Javi Díaz un ano máis!
FARO DE VIGO – CÉSAR COLLARTE
Javi Díaz aprazará a súa retirada para seguir vestindo un ano máis a elástica do Frigoríficos do Morrazo. O porteiro do Rosal certificou a súa renovación e cumprirá, deste xeito, a súa cuarta tempada no club cangués e a vigesimosegunda na liga Sacyr Asobal, converténdose nun dos xogadores máis veteranos da competición.
A continuidade do que fose gardameta de Academia Octavio, Teucro, Cantabria, Villa Aranda ou Valladolid era unha das máximas prioridades da entidade que preside Alberto González, que a tiña encarrilada desde hai tempo. O xogador quería comprobar a evolución do seu ombreiro, articulación na que arrastraba algún problema, antes de dar o si definitivo, algo que xa se produciu.
“É unha das mellores noticias para o club, un das xogadores claves da permanencia, vendo o nivel co que acabou a liga”, sinala o director deportivo da entidade, Óscar Fernández, quen tamén destacou o valor humano do gardameta. “Non só destaca como xogador senón tamén como compañeiro. É alguén que sempre fai grupo”, subliña.
Javi Díaz foi un dos homes destacados do Frigoríficos nos momentos clave da tempada. Foi o artífice do triunfo en Guadalaxara na primeira volta e na segunda elevou o seu nivel na recta final para impulsar aos seus cara á permanencia.
Coa renovación de Javi Díaz, Nacho Moyano xa ten practicamente feito o equipo da próxima tempada, cos porteiros Javi Díaz e Forns; o central Rubén; os laterais Santi, David Iglesias, Brais, Aizen e Gayo; os pivotes Martín, Quintas e Asensio; e os extremos Menduiña, Moisés, Dani Fernández e Monteiro. A eles uniríase tamén o central do Ikasa Nacho Salgado, atado, pero do que aínda non se confirmou oficialmente a súa chegada.
Os nosos patrocinadores

















