Santi López un ano máis!

 FARO DE VIGO – CÉSAR COLLARTE

Santi López continuará unha tempada máis no Frigoríficos do Morrazo. O club cangués acaba de facer oficial a renovación da primeira liña madrileño, que chegou a pasada campaña a O Gatañal procedente do Alcobendas e que nesta logrou 75 goles, converténdose no cuarto máximo realizador do conxunto de Nacho Moyano, soamente superado por Dani Fernández, David Iglesias e Adrián Menduiña.

Con Santi López o conxunto cangués asegúrase un dos seus mellores elementos no sistema defensivo, ademais dun xogador polivalente en ataque, onde alternou as posicións de central e lateral dereito. O director deportivo da entidade, Óscar Fernández, mostrouse moi satisfeito polo acordo alcanzado co que definiu como “un baluarte ofensiva e defensivamente”. Para Fernández a continuidade do exxogador do Alcobendas “era unha das nosas prioridades, un home que encaixa perfectamente na filosofía do Cangas e que estará connosco todo o tempo que el queira”. De feito o club mellorou o contrato do madrileño para adaptalo ao excepcional rendemento ofrecido no seu primeiro ano no Frigoríficos do Morrazo.

Nacho Moyano dispón xa dun total de 11 efectivos para o seu proxecto 2021-2022. Son o mencionado Santi López, o porteiro Gerard Forns, o central Rubén, os pivotes Martín e Quintas, o extremo Dani Fernández e os laterais David Iglesias, Brais e Gayo. A eles súmanse as dúas únicas incorporacións da escuadra canguesa ata a data, o lateral zurdo Lucas Aizen (Fertiberia Porto Sagunto) e o extremo zurdo Jenilson Monteiro (Artística de Avanca).

Os nosos patrocinadores

Inicio