Rubén Soliño un ano máis!

FARO DE VIGO – CÉSAR COLLARTE
O Frigoríficos do Morrazo continúa dando pasos para a configuración do seu plantel para a próxima tempada. O último movemento confirmouse esta tarde e foi a renovación do central Rubén Soliño, que seguirá ligado á disciplina canguesa unha tempada máis, o que lle permitirá cumprir dez no primeiro equipo e máis de 20 na entidade. Con el xa son oito os xogadores dos que dispoñerá Nacho Moyano no seu novo proxecto: o porteiro Gerard Forns; os laterais David igrexas, Martín Gayo, Brais González e Lucas Aizen; o pivote Alberto Martín; o extremo Dani Fernández; e o propio Rubén Soliño.
“Na primeira volta non estivo ben pero na segunda foi un dos mellores xogadores do equipo”, sinala o director deportivo do Balonmán Cangas, Óscar Fernández, que engade que o club “sabe do seu potencial e o único que lle faltou foi a regularidade que tivo na segunda volta. É un estilo de xogador diferente, dun perfil que necesitamos”.
Rubén Soliño ten 31 anos e a pasada campaña achegou 29 goles. A súa incidencia no xogo foi bastante reducida ata decembro, pero a partir de febreiro afianzouse como un dos homes de confianza de Nacho Moyano nos sistemas ofensivos do Frigoríficos. A súa capacidade para repartir xogo e para conectar coa segunda liña foron importantes para a melloría do equipo cangués nos últimos meses da liga Sacyr Asobal, nos que se xestou a salvación.
Os nosos patrocinadores

















