Nacho Moyano seguirá á fronte do Frigoríficos
FARO DE VIGO – CÉSAR COLLARTE
Nacho Moyano continuará no banco do Frigoríficos do Morrazo. O adestrador madrileño e o club acordaron estender a súa vinculación dúas tempadas máis, no primeiro movemento da entidade tras a confirmación da súa continuidade na liga Sacyr Asobal. O acordo estaba pechado hai semanas, con independencia da categoría na que finalmente xogase o Frigoríficos, nunha mostra da confianza que o club sempre tivo en Moyano, mesmo nos momentos máis delicados da tempada. O preparador, pola súa banda, quixo responder a esa aposta e seguir nun lugar no que sempre declarou sentirse cómodo e cun proxecto á súa medida, no que non se descoida o talento novo.
Moyano chegou fai dúas campañas a Cangas para dar a substitución a Magí Serra. O seu primeiro ano foi tan complicado como atípico, xa que á necesaria adaptación á máxima categoría (o madrileño nunca adestrara en sénior) uniuse a eclosión da pandemia do coronavirus, que suspendeu a competición cando o conxunto do Morrazo ocupaba postos de descenso. Xa esta tempada o rendemento do equipo estivo moi condicionado polo brote de Covid-19 que obrigou a confinarse tres semanas e que deixou ao persoal moi tocado. Con todo, o 2021 serviu para que o equipo dese o do de peito e sumase 15 dos 22 puntos cos que acabou o campionato.
Co preparador madrileño de novo aos mandos da nave do Cangas, o club perfilará nas próximas semanas a configuración do persoal para a próxima tempada, tanto no capítulo de fichaxes e renovacións como no de baixas.
Os nosos patrocinadores

















