A CRÓNICA

Frigoríficos Morrazo 28 – Quabit Guadalajara 27

Crónica de David Moldes.

Era o partido sinalado en vermello, e o Frigoríficos do Morrazo non fallou. Gañou a final pola permanencia ao Guadalaxara, e achégase á permanencia. Dominou a segunda parte, pero o cansazo pola acumulación de partidos provocou que quedase sen gasolina nos últimos minutos.

Rubén Soliño, cangués, canteirán, selou a agónica vitoria a falta de quince segundos. Agora toca esperar para celebrar esa ansiada permanencia, gañada na pista cunha sobresaliente segunda volta.

O equipo de Nacho Moyano avantaxa en tres puntos ao Guadalaxara, co golaverage particular tamén favorable, a falta dunha xornada aínda que os alcarreños aínda teñen un partido aprazado contra o Granollers, que se disputará incomprensiblemente unha vez finalice a liga. Son as cousas que ten o balonmán español. O Frigoríficos tamén iguala a puntos co Nava, ao que tamén gaña o golaverage particular. Os segovianos reciben na última xornada ao Anaitasuna.

Tras un arranque igualado, o Guadalaxara pegou un pequeno estirón no marcador excedido o minuto dez despois dun parcial 0-3 (5-8, min,14), apoiándose no acerto de Arthur e Paredes e nas seis perdas dos locais. Nacho Moyano, técnico local, cambiou de sistema defensivo -pasou do 6-0 ao 5-1 con Dani Fernández de avanzado-, e o seu equipo subiu a súa intensidade.

Javi Díaz aos poucos empezou a aparecer na portería galega, e a efectividade da súa segunda liña -11 dos 14 goles ao descanso- lanzou a un Frigoríficos que no inicio do segundo tempo colleu unha renda de tres goles que obrigou a Rodrigo Reñones a pedir tempo morto (17-14, min.35).

Unha renda que os cangueses, cun notable exercicio defensivo, aumentaron ata os cinco goles mediado o segundo acto despois de dous goles consecutivos do lateral David Iglesias, que empezara a mostrar o seu brazo a Hombrados (23-18, min.45).

O Frigoríficos entrou no últimos dez minutos con esa cómoda renda de cinco tantos (25-20). Reñones volveu parar o choque, e ordenou unha defensa 5-1 con Dariel García de avanzado. Os locais atascáronse como xa lle pasaba #ante o Anaitasuna, e o seu rival situouse con varios goles de Gallardo (26-25, min.56).

Esa igualdade mantívose ata o último minuto, cando o Frigoríficos soubo sufrir para conservar un triunfo de ouro, que asegurou cun tanto de Rubén Soliño a falta de quince segundos, a pesar de que o Guadalaxara marcou rápido despois.

Ficha técnica:

28 Frigoríficos do Morrazo: Javi Díaz, Dani Fernández (8,2 p), Santi López (1), Quintas (1), Cerqueira (4), Baptista (1) e Menduiña (5) -equipo titular- David Iglesias (5), Simes, Brais González, Rubén Soliño (1), Villoria, Gayo, Ribeiro (1) e Muratovic (1).

27 Quabit Guadalaxara: Hombrados, Gallardo (6), Arthur De Souza (7,3 p), Valdés (1), Mouriño (2), Paredes (4) e Dariel García (6) -equipo titular- Santamaría ( ps), Simón (1), Javier Rodríguez, O Korchi, Savini, Tito Díaz.

Marcador cada cinco minutos: 2-2, 3-5, 6-8, 8-9, 13-11, 14-13 (descanso); 16-14, 20-16, 22-18, 25-20, 26-24 e 28-27.

Árbitros: García Serradilla e Marín Lorente. Sancionaron con dous minutos a Dani Fernández, Baptista, Cerqueira e Santi López (2) por parte do Frigoríficos, e a Gallardo, Javi Rodríguez e Dariel García por parte do Guadalaxara.

ROLDAS DE PRENSA

AS IMAXES DO PARTIDO

Fotografías de Raúl Fonseca

Os nosos patrocinadores

Inicio