Comunicado oficial
Ante as novas medidas restritivas adoptadas pola Xunta de Galicia que entrarán en vigor esta noite e que implican a paralización do deporte federado galego vémonos na obriga de comunicar a suspensión temporal de toda a actividade de nivel autonómico desenvolvida no club, isto implica a paralización de todas as categorías inferiores da nosa base, dende xuvenil ata benxamíns.
Dende o club acatamos, como non pode ser de outro modo, as medidas adoptadas polo máximo organismo autonómico pois consideramos que a saúde dos integrantes da nosa base e dos veciños e veciñas do pobo está por riba de calquera outro aspecto deportivo. Pero tamén queremos resaltar a gran labor desenvolvida no club dende o mes de agosto por todos os seus membros: responsables, adestradores, oficiais, xogadoras, xogadores e familias que cumprindo o protocolo de xeito estrito fixeron posible que en todos estes meses a actividade tivera lugar sen ningún contaxio dentro da base.
Como xa é coñecido, tristemente no mes de outubro sufrimos as consecuencias do Covid-19 nos nosos equipos de ámbito estatal sen que este chegase a afectar a ningún dos máis de 200 deportistas dos 15 equipos que compoñen nosa base, feito que non fai máis que por en valor o bo funcionamento do protocolo de seguridade seguido polo club.
Destacar o enorme traballo realizado pola Federación Galega de Balonmán que permitiu un regreso seguro a actividade, en primeiro lugar, e ás competicións despois demostrando que aínda en tempos de pandemia o balonmán en Galicia é un deporte seguro.
Por último dar as grazas ós nosos deportistas que dende o principio da tempada souberon adaptarse a todas as novas medidas co único obxectivo de seguir xogando ó balonmán en Cangas. Do mesmo modo agradecer a todas as súas familias a confianza depositada no club, sabendo que deixan as súas fillas e seus fillos nunha contorna segura.
Unha pedra no camiño pero seguro que moi pronto o balón estará a botar en O Gatañal. Non sabemos si volveremos máis fortes, pero sí con aínda máis ilusión e motivación.
#EnCangasNinguénSeRende
Área Técnica Club Balonmán Cangas.
Área Técnica Luceros.
Os nosos patrocinadores

















