COMUNICADO OFICIAL
A xunta directiva do Balonmán Cangas comunica que, tras a realización das probas PCR, nestes momentos o club conta con 15 positivos confirmados por COVID dentro do primeiro equipo, circunstancia pola que tamén se ve afectado o noso filial, Balonmán Luceros, que actualmente milita na Primeira Nacional Masculina e conta con xogadores que adoitan participar co equipo da Liga SacyrAsobal. Os xogadores e corpos técnicos de ambos conxuntos están a realizar o illamento e corentena indicados polas autoridades competentes.
A xunta directiva do Club Balonmán Cangas quere aproveitar este comunicado para emitir unhas desculpas públicas ao presidente da Real Federación Española de Balonmano, Francisco Blázquez García, en relación ás declaracións realizadas hai escasos días nunha emisora autonómica polo noso presidente, Manuel Adolfo Camiña Fernández. Aínda que a nosa postura de desacordo coa xestión actual por parte da Federación no relativo ás competicións é incuestionable, somos conscientes de que nunca se debe perder o respecto nin caer na descualificación. Neste caso, posiblemente froito da crispación, a indefensión e o desconcerto da difícil situación que estamos a vivir. A afección canguesa, os xogadores, o corpo técnico e a propia xunta directiva encabezada por Manuel Adolfo Camiña Fernández queren reiterar estas desculpas de xeito público e notorio.
No que respecta á situación que desgraciadamente estamos a afrontar en relación aos positivos por COVID, e tendo en conta as suspicacias que se están promover acerca dunha suposta irresponsabilidade do Balonmán Cangas á hora de aliñar a xogadores con sintomatoloxía no encontro fronte ao Balonmán Granollers, a xunta directiva do club quere manifestar o seguinte:
“Si el número de positivos es igual o inferior a cinco componentes y el resto del equipo no tiene que estar confinado, no se considerará causa justificada para acordar el aplazamiento del partido, previa solicitud al CNC a la que se adjuntarán los informes médicos y/o sanitarios. “
Compre aclarar que actualmente, no proceso de espera entre que un xogador presenta síntomas, o comunica e as autoridades sanitarias realizan e proporcionan o resultado dunha proba PCR, pasan coma mínimo catro días. Os tres protocolos polos que se rixe a nosa competición: Asobal, RFEBM e CSD (de obrigado cumprimento) tan só indican o illamento do xogador con sintomatoloxía. É mais, o protocolo da RFEBM e a comunicación do Comité Nacional de Competición deixan claro que con menos de cinco positivos confirmados (non contempla a posibilidade de que poidan existir asintomáticos sen proba diagnóstica realizada), o encontro non será aprazado. De feito, para tomar esa decisión, o CNC da RFEBM está a solicitar informes médicos escritos que corroboren a confirmación dos positivos, informes que actualmente non son doados de acadar xa que todas as comunicacións do SERGAS se realizan de xeito telefónico.
4. Un xogador do Balonmán Cangas presentou sintomatoloxía o xoves pola mañán, poñéndose en contacto co club, momento no que se levou a cabo o seu illamento con respecto ao resto do equipo, tal e coma indican os protocolos. O xoves pola noite o xogador chamou ao SERGAS e ao dia seguinte o seu médico púxose en contacto con el para citalo á realización da proba PCR o domingo pola tarde. O sábado disputouse o encontro fronte ao Bm. Granollers, no que non participou, e o luns pola mañá, recibimos a confirmación do positivo e da corentena para o resto dos compañeiros. Este proceso foi axilizado pola intervención da Secretaría Xeral para o Deporte, feito que queremos agradecer publicamente. O cumprimento por parte do club dos protocolos polos que se rixe a nosa competición foi claro.
5.Dende o Balonmán Cangas, solicitamos ás autoridades competentes que analicen se é lóxico que nunha competición de ámbito estatal que consta de tres protocolos diferentes polos que guiarse (entendemos que co visto bo do Consejo Superior de Deportes), estes tan só proporcionen medidas enfocadas á disputa dos encontros, dando prioridade ó aspecto deportivo e perdendo de vista o criterio sanitario; incluso contradicíndoo en casos tan importantes coma o dos contactos estreitos con sintomáticos sen proba diagnóstica realizada. Esta semana temos clubs amigos que están a solicitar o aprazamento dos seus encontros por posuír sintomáticos á espera da realización de proba diagnóstica dentro do equipo e parece que o CNC non o considera un argumento de peso. O resto do equipo terá que esperar á realización e resultado da proba por parte deses xogadores e mentres tanto terán que disputar o seu encontro, expoñendo a compañeiros e rivais a ser contaxiados por unha enfermidade que xa amosou do que é capaz.
6. O Balonmán Cangas quere agradecer publicamente a colaboración brindada polo Concello de Cangas, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Federación Galega de Balonmán e os clubs amigos que,en todo momento, se brindaron a axudar nesta situación tan desconcertante. Pola contra, tamén nos gustaría deixar claro que a día de hoxe dende a Real Federación Española de Balonmano ninguén se puxo en contacto con nós para amosar interese pola situación. Descoñecemos quen é a figura responsable do protocolo e a forma para poder comunicarnos e resolver as dúbidas nos procedementos. O único que puidemos facer é acudir ao protocolo da RFEBM, que, na páxina 39, indica:
“A NIVEL DE COMPETICIÓN:
Este documento se irá actualizando a medida que las Autoridades Sanitarias modifiquen en uno u otro sentido las normas de obligado cumplimiento, indicándoles que tienen a su disposición la Guía Sanitaria que ha sido publicada capítulo a capítulo en la página web de la R.F.E.BM., desde el inicio del estado de alarma, donde el equipo médico de la R.F.E.BM. ha ido dando pautas, recomendaciones y estrategias para el retorno a la normalidad y la reincorporación gradual a la práctica deportiva, pudiendo consultar la misma en el siguiente enlace:
https://www.rfebm.com/noticia/gu%C3%ADa-sanitaria-pandemia-covid-19-y-balonmano-ep%C3%ADiogo”
Dende o 3 de agosto, a regulación sufriu varios cambios significativos, o protocolo non se actualizou e o enlace para o acceso a máis información non funciona…
O Club Balonmán Cangas quere transmitir a súa impotencia ante unha situación extremadamente inxusta para os clubs que día a día estamos a traballar en prol do balonmán. Se cumprimos coas directrices sanitarias das autoridades competentes, incumprimos cun protocolo que se traduce en sancións económicas e deportivas, pero sobre todo nun desánimo que lonxe de promocionar o noso deporte, rematará por afastar aos adeptos/as a outras disciplinas.
A mellor liga de balonmán de España leva trinta encontros aprazados dos oitenta e un que se deberían ter xogado e os casos por COVID están a aumentar dun xeito alarmante entre os equipos participantes. Se a única reflexión que se vai realizar dende os organismos competentes é que pode ser que os clubs podemos estar actuando de xeito irresponsable, ao mellor a COVID non é o maior dos problemas do balonmán nestes momentos.
O Balonmán Cangas convida á reflexión:
“Ese precioso y necesario don del sentido común, que es el menos común de los sentidos.”
(Ramón Gómez de la Serna)
A Xunta directiva do Club Balonmán Cangas
En Cangas do Morrazo a 15 de outubro de 2020