“Desexariamos que fose doutro xeito. Os e as que sentimos este deporte, o noso clube, estamos a sufrir, ademais dos xa devastasores efectos e consecuencias da propia pandemia, unha dor especial e amarga, un mar de incertidumbre mesturado con desesperada fame de balonmán.
Os tempos que estamos a vivir, nublan dun xeito perigoso a continuidade de empresas, negocios, establecementos… E a viabilidade dos mesmos estase a ver moi complicada. En tempos pasados pero ben recentes, este clube, a súa xente, afeccionados, seguidores e xogadores, xustificou cada ano que pasaba, que hai algo en nós que non permitiu que as crises e as situacións negativas tumbasen nosa ilusión, o noso equipo. Nos últimos anos foron derrubando equipos poderosos, puidentes, con títulos europeos que hoxe tan só son recordos. Por qué nós seguimos aquí hoxe, despois de 59 anos de historia, de 20 anos na elite do balonmán? Moi sinxelo. Polo incondicional apoio da nosa xente. Polo afán loitador que xera un sentimento de pertenza en cada un dos e das que acudimos cada xornada a deixarnos a vida porque a nosa historia, este legado, continúe e endexamais desapareza.
Querido socio, querida socia. Ti sabes que isto só é posible contigo. Que estamos ante unha situación que non vimos chegar, que azota a todos e cada un dos que estamos vivindo nesta etapa da historia, e que por suposto, non estamos preparados axeitadamente para combatir do xeito máis eficaz. Pero apelamos a ti, coma sempre. Ti que sabes que a túa axuda, a túa colaboración anual, é imprescindible para que escribas con nós, na máis escura e incerta de tódalas tempadas das últimas décadas, a nosa historia.
Abre con nós un novo capítulo, no que o Club Balonmán Cangas, unha vez máis, non vai caír. Ten todo o apoio da súa xente, sexa cal sexa ese monstro que tenta asoballarnos, marchará por onde chegou. O berro azul é máis forte ca calquera vendaval.
Contamos contigo, precisamos de ti para seguir facendo historia. Faite socia, faite socio.
GRAZAS DE CORAZÓN.” 💙💛