Rubén Soliño (Cangas, 1989) acepta a oferta de renovación e sumará súa 20ª tempada no club tras pasar por todas as categorías inferiores, dende alevín ata o Frigoríficos do Morrazo co que xa acumula once campañas, tres na División de Honra Prata e as últimas oito na Liga Sacyr Asobal.
Un orgullo de xogador da casa e exemplo para nosa canteira. Estamos encantados de contar con Rubén un ano máis dirixindo o xogo do equipo dende o central. Súa velocidade, visión de xogo e intelixencia táctica serán importantes unha tempada máis en o Gatañal.
O cangués móstrase “moi contento de poder renovar un ano máis e seguir facendo o que máis me gusta na miña casa. Esta tempada foi moi complicada e o final non foi como esperábamos, por iso agora mesmo o que estou desexando e que isto comece de novo xa, volver a adestrar e xogar que é o que máis se bota en falta”.
Un xogador do pobo, criado e formado baixo nosas cores que cumprirá xa dúas décadas defendendo este escudo. Desexamos que se poida celebrar conseguindo o obxectivo de permanecer unha tempada máis na mellor liga nacional.