Noso capitán Daniel Cerqueira renova súa vinculación co Frigoríficos do Morrazo por unha campaña máis, será xa a 9ª tempada co noso club, todas elas defendendo nosas cores na Liga Asobal.
Para o club era prioritario levar a cabo a renovación de Cerqueira e seguir contando cun dos referentes do equipo, xa non so como capitán e xogador, se non no ámbito persoal onde é un dos xogadores máis queridos e respectados pola afección. Dende a dirección deportiva do club tense claro que ”Dani xogará en Cangas os anos que el queira seguir xogando aquí”.
Para Dani foi unha decisión sinxela: “teño traballo aquí, estou moi a gusto e sempre se me tratou de forma fenomenal, síntome valorado polo club, os compañeiros e a xente”. Respecto ao próximo ano afirma que “a todos nos gustaría salvarnos doutra forma pero a saúde da xente é o máis importante. Esta próxima tempada todos teremos un pouco máis de experiencia, os xogadores que chegaron o ano pasado estarán máis integrados e o equipo estará máis adaptado ao sistema de xogo do adestrador”.
Unha tempada máis navegaremos pola Liga Sacyr Asobal e que orgullo que a nave do Balonmán Cangas siga capitaneada por Dani Cerqueira!