Alen Muratovic (Niksić, 1979) renova por unha tempada máis e seguirá engordando súa cifra de goles na Liga Asobal co Frigoríficos do Morrazo.
A piques de cumprir 41 anos (outubro) sumará a súa 10ª campaña defendendo as cores do noso club. Non podemos agochar a ledicia que nos produce poder gozar de Alen outra tempada máis con nós.
Alen mostrase “moi feliz” de poder seguir xogando en Cangas: “non hai moita xente que poida seguir gozando do balonmán coa miña idade”. Está encantado de continuar aportando a súa parte para que o club chegue aos obxectivos marcados: “Cangas deumo todo e eu agora tamén quero devolverlle todo o que teño”.
Da próxima tempada di estar seguro de que “será moito mellor que esta. Este ano o equipo era moi novo, tamén o primeiro ano de Moyano, e a falta de experiencia pagámola un pouco pero agora tanto Nacho como os rapaces teñen unha aprendizaxe que lles permitirá aportar moito máis”.
No Gatañal, un ano máis, Alen Muratovic.